Blogs.ya.com Quitar publicidad
Guezos. Diario de Terradentro.
Diario do grupo folk -rock ourensán Guezos.
Acerca de
Guezos. Banda Folk
Sindicación
 
Entrevista en Sono-Tone.net


"COMEZAMOS CENTRADOS NA MÚSICA TRADICIONAL PERO A DERIVA A MESTURALA CON OUTROS ESTILOS DIVERSOS XURDIU BEN AXIÑA"

Para comezar, como non, a pregunta de rigor. ¿Que significa Guezos e por que o tomastes coma nome do grupo?

A pregunta de rigor...Guezos quere decir “nenos, cativos, así duns 10-12 anos” e o tomamos un pouco de casualidade coa axuda do noso amigo o diccionario barallete-galego. Se aínda hai alguén que non o saiba, o barallete era a fala dos afiadores ourensáns.

¿Como vos xuntastes?¿Estiverades nalgun outro grupo antes?

Algúns de nós xa estiveran noutros grupos antes, de diversas tendencias (pop, folk, rock, etc), e otros dos nosos membros formaron parte da Banda de Gaitas da Deputación. O grupo formouse a partir de catro actuais compoñentes e o noso primeiro ex-cantante que se xuntaron e decidiron sacar adiante un proxecto musical sen excesivas pretensións.


Xa levades un "tempiño" xuntos, nada menos que sete anos, ¿que ten cambiado no grupo dende os inicios? ¿Seguides sendo os mesmos compoñentes?

O núcleo duro dos catro primeiros compoñentes foi engadindo xente ata formar os nove que somos na actualidade (once, se contamos a Andi, técnico de son e a Tito, manaller). De feito atopámonos metidos nunha remodelación do grupo por mor da marcha de dous compoñentes.

A idea de grupo foi evolucionando dende aquel primeiro momento e xa temos sacado dous traballos “físicos” e un compilatorio “virtual” que resume o mellor destes sete aniños.

¿E a nivel de estilo, como ten sido a evolución?
O grupo comezou centrado na música tradicional, pero a deriva a mesturar esa música con outros estilos diversos xurdiu pronto, pero pasiño a pasiño. As novas incorporacións tamén axudaron a incorporar novos sons ó grupo. Por exemplo, cando chegou a guitarra eléctrica houbo unha evidente influencia rock. Hoxe en día xa metimos no noso repertorio cancións con influencias do rock, pop, reagge, rumba, funk e demais.

¿Algunha tentación de fusionar o folk con outros estilos ademáis do rock nos novos temas?

Moitas, agora andamos metidos en engadir bases rítmicas, sons de sintetizador, e demais trangalladas electrónicas, pero nunca corremos moito e deixamos que os cambios vaian pouco a pouco. Soemos probar os temas en directo, e se non nos apedrean e vemos que quedan decentemente no conxunto do repertorio, incorporámolos a este, e se non, van ó lixo ou se remodelan.

Cantos sodes en directo e que tocades cada un?

Na actalidade Anxo canta coros e dalle os teclados, Adrián canta e racha algunha corda na guitarra acústica, Puntxa aporrea a batería, Roberto, Rafa e David rífanse a guitarra eléctrica e o baixo según dispoñibilidade (cousas da remodelación), Pablo mete ruidos cun mini-Korg e tamén lle dá á acústica, Roi completa as cordas cun violín azul sen caixa e nas cousas de soprar como gaitas,flautas e demais perversións andan o Morta e o Modesto. De momento temos a Fran quecendo nas bandas, mais en breve se incorporará ó equipo.

Tedes intención de incorporar algún "invento do diaño" do estilo das gaitas MIDI ou as baterías electrónicas coma fan Hevia ou Bonovo?

O diaño xa o temos no corpo, he, he. Andamos en tratos cun sintetizador mini-Korg, un violín eléctrico e non descartamos meter algunha trasnada máis.



Acabades de editar en www.aregueifa.net un compilatorio que fai un percorrido pola vosa carreira, poderíades facer unha pequena guia para neófitos no guezismo ilustrado comentado un pouco e contextualizando cada un dos temas que incluistes?

Hai temas do primeiro disco, do segundo e o tema “A das Festas” co que nos presentamos ó concurso A Polo Ghit 2006 no cal gañamos o premio do público e o quinto premio do xurado. Asimesmo incorporamos temas do primeiro disco en directo pasados polo taller do tempo e que soan moi distintos a como o fixeron no seu día. É o caso da canción “Pedida de man” que, salvo a letra, todo nela é novo. Hai tamén un tema novo que se chama “Manoliño” interpretado en directo.

¿Para cando haberá un disco de Guezos con temas novos?

A nós tamén nos gustaría sabelo. Todo depende dos cartos que saquemos este verán, sobre todo no tocante á duración do novo traballo. Polo de agora, andamos a compoñer e a preparar o concerto estival. Pero nos gustaría preparar un novo disco antes do 2008. Xa veremos.


¿Como vedes a escena do folk en Galiza a día de hoxe en comparación coa que había na época que vos veu nacer?

Na época que Guezos naceu (1999) o folk estaba nun bum que xa decaía, mais bum ó fin e o cabo. Nesa época parecía que se non facías folk non existías na Galiza. O bum hoxe rematou, e inda que quedan bandas e intérpretes consagrados daquela época que seguen a tocar moito, hoxe en día un grupo folk (ou pseudo-folk coma nós, he, he) teno tan difícil coma calquera outro. Sen embargo, séguense a presentar propostas de gran calidade e o folk é un estilo a ter moi en conta no panorama actual galego, inda que na actualidade parece que prima a diversificación e a fusión de estilos máis que a música tradicional máis purista.

Vós sodes ourensáns, como vos posicionades na polémica polas gaitas e vestimentas escocesas que se empregan na banda da Deputación?

Moitos dos integrantes que están en Guezos deron os seus primeiros pasos musicais na Banda da Diputación, malia xa non estar ningún na actualidade. Hai que dicir que esa Banda nunca se definiu como tradicional e, inda que moitas das súas decisións estéticais e musicais foron polémicas ou directamente erradas; tamén hai que recoñecer que deu a posibilidade a moita xente de entrar no mundo da música e esa xente logo formou grupos de música diversos.

Realmente, e máis que cuestións coma a vestimenta e os instrumentos, non sabemos si a xenreira que lle manifesta a xente á Real Banda virá motivada máis ben pola manifesta alineación política desta.


Herdamos dos nosos pais unha separación bastante artificial entre o mundo do folk e o resto dos estilos. Parece que che pode gustar ao mesmo tempo o rock e o rap pero non o folk e o pop.¿A que credes que se debe?

Cando nós eramos máis novos nunca escoitarías decir a un rapeiro que lle gustaba o rock e viceversa. Afortunadamente isto se superou. A separación é artificial porque nós cremos que hai que aproveitar as boas propostas, sexan do xénero que sexan. Pero iso conséguese con anos de convivencia e ausencia de malos rollos. Falamos antes do bum do folk, pero tamén houbo un bum do bravú e un da “movida viguesa”. Desgraciadamente neses tempos había estilos que tiñan máis éxito cá outros e iso podía xerar problemas, envexas e inxustizas que facían que os estilos e os públicos potenciales non se tocaran. Tendíase a diferenciar a xente incluso na vestimenta ou nos bares ós que ían. Afortunadamente nesta nova ola de grupos galegos o único nexo en común é o idioma galego. Hai moitas gañas de cantar en galego e de facelo en estilos que antes parecía que o tiñan vetado, coma o hip hop ou o pop. Deste xeito, agora tódolos estilos conviven en paz e a xente escoita de todo.

Vós sodes un dos poucos grupos que unides os dous mundos, que outros grupos galegos están nesa mesma dinámica?

Están os Ergom en Ourense, que fan unha mixtura de folk, funk e rock; os ferroláns Mondopétriz que cremos que o deixaron (agardamos que non); e outros moitos máis coma Os Cuchufellos, Motor Perkins ou Ruxe-Ruxe.


No disco novo de Quempallou hai unha maravillosa colaboración con Dios Ke te Crew facendo un tema de hip-hop con instrumentos tradicionais. ¿Tedes algún plan nese sentido para o vindeiro disco, en plan colaboración con grupos que non son do voso pau?

Encantaríanos, ¡ademais o tema está caralludo!. Para propoñernos colaboracións non deixedes de contar con nós, ha, ha.


Hai unha idea xeralizada de que os grupos de folk téñeno máis doado para tocar, ¿é iso certo? ¿Chaman máis para tocar aos de folk que aos de pop e rock?

Antes sí, debido ó bum. Agora creo que estamos ó mesmo nivel, inda que as bandas consagradas téñeno máis doado, como é lóxico e xusto.

¿Como está a ser a vosa experiencia na Rede Galega de Música ao Vivo? ¿Credes que vai axudar a asentar un circuito galegos de concertos e que dentro duns anos xa non será necesaria?

Iso agardamos. Cando viaxas e vas a lugares como Cataluña ou Euskadi ves que aló a música non precisa estar subvencionada porque xa hai un público que a demanda e os circuitos teñen moita forza. Aquí esto non existía e tod@s estamos facendo esforzos para que algo parecido ó doutros lugares sexa unha realidade na Galiza. Sería algo moi moi positivo.

Que mellorariades nela?


Algunhas cousas se deberían mellorar. Nós estamos dispostos a cobrar a cantidade mínima que se está a cobrar e non sacar nada en limpo, pero o que non lle poden facer a “grupos emerxentes” que se supón que acaban de sair é obrigarlles a facturar con NIF e IVA para cobrar 240 euros. Ou boi ou vaca, señores. Se queren que toquemos por pouco que nos poñan facilidades legais para que todo sexa máis fácil.

Outro tema é o das salas, que inda que as hai que o están a facer impecablemente, outras parece que o único que queren é decir “aquí se fixeron 40 concertos” e nada máis. Explicámonos. ¿Como pode ser que algunha “sala” non teña equipo de música axeitado? ¿Como pode ser que o único cartaz dos eventos esté nun folio en pequeniño na porta da sala en cuestión? ¿Cren que así van vir centos de persoas? Ás veces, parece que só nos programan porque lles saímos baratos. ¿E como se pode programar un mércores ou xoves ás doce da noite? ¿Cren que os membros das bandas non se erguen a currar o día seguinte? Ás veces a cousa é de tolos, mais polo menos nós estamos dispostos a sacrificarnos e a tirar polo futuro. Eso si, agardamos que se aprenda dos erros e en sucesivas edicións a cousa se vaia arranxando.



¿Que tal se apresenta o verán, xa tedes datas e festivais confirmados? ¿Cuais?

Podemos adiantar que Guezos estará no festival de Vilariño (18 de agosto), nun festival en Luintra o 4 de agosto xunto con Ergom, no festival Serra de Queixa o 21 de xullo con Ruxe-Ruxe e Lamatumbá e nun concerto en Muxía o 27 de xullo. A ver se saen máis.


¿Tedes tocado algunha vez en Portugal? ¿Como foi a acollida do público luso?

Non tocamos nunca, e cremos que debía de haber máis intercambios luso-galegos. De tódolos xeitos, a ver se este ano rompemos a barreira do Miño e tocamos alá, xa que andamos en negociacións.


¿E alén do Bierzo tedes tocado? ¿Tedes relación con algún grupo folk da península?


Temos participado nalgúns concursos folk (Granada e Santander) e tocamos en Barcelona e nas provincias de Cáceres e Zamora. Levámonos moi ben cun grupo navarro que se chama Mielotxin, co que coincidimos neses concursos.


E como vedes a escena galega en xeral? Estamos vivindo unha época dourada como din moitos?


Non. Así de rotundo. O que estamos vendo é o xerme dunha época boa se as cousas se xestionan ben. Para falar dunha época dourada tería que haber unha efervescencia que non só se traducira en grupos e concertos, senón que debía de haber un gran público que apoiara ós grupos galegos, unhas discográficas-distribuidoras con máis forza (¿en que tendas hai unha sección de música actual galega?) e unhas institucións que foran algo máis aló dos titulares de prensa. Todo eso está aí, mais inda non chegamos, claro que é certo que estamos máis perto cá onte


De que grupos galegos actuais gostades?

Moitos, e seguro que nos deixamos algún: Berrogüetto, Marful, Lamatumbá, Dios Ke Te Crew, Galegoz, A Matraca Perversa, Mercedes Peón, The Homens, Ataque Escampe, e tódolos que citamos antes.


E internacionais, ¿cuais son as vosas vacas sagradas?

Eso inda é máis difícil: no tocante as nosas influencias poderíamos citar a The Levellers, Wolfstone, Pogues ou Shooglenifty. Respecto ós grupos que nos gustan, o arco pode ir dende Steve Vai a Fuxan os Ventos pasando polos Doors e os Chemical Brothers. Calquera cousa se é boa.

Agora chega o momento de mollarse. ¿Podedes definir cun par de palabras a cada un destes artistas?


-Cristina Pato: Non nos soe gustar o seu estilo, pero é unha gran intérprete.
-Mercedes Peón: Tradición e vangarda ó mesmo tempo cun directo brutal.
-Fuxan os Ventos: Gran referente da canción protesta galega, inda que algún tema xa sone a vello, sen eles nada sería o mesmo.
-Ana Kiro: Total. Se non existira habería que inventala. A María Teresa Campos galega. E ademais canta.
-Mago de Oz: A nosa gran antirreferencia. Se algo sona a eles, rexeitámolo.
-Hevia: Icono do bum dos 90, desinflouse co tempo.
-Carlos Nuñez: Gran intérprete e grandes traballos, inda que non tan creativo coma outros.
-Manolo Mirás: Un adiantado e un incomprendido no seu tempo. Musicaso.
-Emilio Cao: Espértenme cando remate. Inda que, como decía Siniestro Total “Yo quiero ser Emilio Cao”.
-Xose Luis Foxo: Toda unha personaxe. Amiga dos extremos.
-Guezos: Esa tédela que respostar vós mesmos vindo ós nosos concertos.
 
Semana Tola
Ola a todos:
Velaí van 3 datas para este mes:


- Fábrica de Chocolate, Vigo. 20 de Xuño.
- Sala Dzine. San Sadurniño. 22 de Xuño.
- Vega de Valcarce. O Bierzo. 23 de Xuño.

Para ir facendo boca, deixámosvos un pequeno videoclip feito con material de ensaios, gravacións e actuacións en directo. Espero que vos guste.
Un saúdo:
Anxo.

A das Festas

Añadir a Mi perfil | Más vídeos